Máis de 1.000 pediatras reunidos en Ourense piden avanzar no calendario de vacinas
Piden que se inclúa na cobertura pública a vacina do rotavirus, a do meningocogo ACWY e da tosferina
Os pediatras advirten de que infeccións como a polio e o sarampelo poderian rexurdir en países na nosa contorna se se baixa a garda coa vacinación. É unha das alertas que saen das décimo cuartas xornadas da Asociación Española de Pediatría, que se desenvolven en Ourense con máis de 1.000 especialistas médicos e que deixan tamén boas noticias.
Na AEP celebran que a súa proposta de cobertura e de calendarios vacinais fora confluíndo ata cadrar xa practicamente coa proposta da Comisión Nacional de Saúde Pública.
Para Galicia, estas xornadas serviron para coñecer un pouco máis sobre o protocolo de inmunización dos meniños menores de 6 meses contra a virus respiratorio sincitial. Vai ser con anticorpos monoclonais e calcúlase que esta inmunización vai servir para reducir as hospitalizacións dos lactantes en máis dun 80 %.
"Comezará en lactantes que nacen na estación na que circula o VRS e despois farase un rescate dos lactantes que no momento que se inicie esta estación teñan menos nunha idade determinada, que o habitual e o que recomenda a Asociacións Española de Pediatría son os seis meses de idade", explica Federico Martinón Sánchez, xefe de Pediatría do CHUS e asesor de vacinas da OMS.
Ademais vanse vacinar todos os que teñan máis idade, ata dous anos, se teñen factores de risco adicionais, como enfermidades do corazón, grandes prematuros, etc.
A inclusión no calendario desta inmunización con monoclonais foi eloxiada pola Asociación Españoña de Pediatría, que pediu seguir dando pasos para incluír outras tres vacinas: a do rotavirus, a do meningocogo ACWY aos doce meses e a vacina da tose ferina en adolescentes.
Entre as últimas incorporacións están a do papiloma humano VPH para varóns maiores de 12 e a da gripe entre os 6 e os 59 meses. Tamen fixeron unha chamada a tomar en serio e recoñecer a importancia das vacinas. Alertaron da diminución a escala global dos nenos vacinados contra o sarampelo, que en 2021 provocou 128.000 mortes en todo o mundo.