Manzaneda inaugura a tempada de esquí e abre a primeira pista
As primeiras neves e os canóns logran a neve necesaria para habilitar a primeira pista, a do Xeixo
As baixas temperaturas de entre -2 e -5 graos desde o mércores axudaron a conservación da neve
Arrinca esta fin de semana a tempada de esquí na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.
Esta fin de semana abre con neve para uso turístico e familiar e cunha pista para practicar o esquí, segundo explican desde a estación de montaña.
As primeiras neves do ano, caídas esta semana pasada e os traballos dos canóns de neve, axudados polas baixas temperaturas fixeron posible a apertura da pista, a do Xeixo; desde o mércores as temperaturas están entre os menos 2 e menos 5 graos baixo cero.
Os visitantes terán a súa disposición todos os servizos habituais complementarios de restauración, a piscina, o spa, o rocódromo e a telecadeira para acceder a pista do Xeixo.
Os telesquís tamén van estar en funcionamento e un servizo de transporte continuado entre o aparcamento e as instalacións, desde ás 10:00 ás 18:00 horas.
Os accesos por estrada á estación de esquí están abertos e circúlase con total normalidade.
Non foron poucos os que este sábado acudiron estrear os esquís
Non son poucos os que estaban esperando esta friaxe, e se non que llelo digan aos entusiastas que esta mañá se achegaron a Manzaneda, a estrear os esquís. É é que a estación abría as súas portas por primeira vez no que vai de ano.
A ponte da constitución deixou fortes nevaradas no norte da península e Galicia non foi menos. Aproveitando o tirón, a Estación de Esquí de Manzaneda decidía abrir as súas portas durante esta fin de semana. E non faltaban xa algúns dos seus incondicionais achegándose ás instalacións para gozar das súas primeiras carreiras pola neve.
Segundo o parte da estación de montaña, hai unha pista en activo, o Xeixo, e dous remontes operativos. Aínda que a maioría dos tramos están pechados polo momento, os datos da estación apuntan a que esta apertura das instalacións realízase un mes antes que o ano pasado, grazas ao traballo durante toda a semana dos canóns de neve.
A estación estará aberta tamén mañá domingo, polo que constitúe unha inmellorable escusa para achegarse á natureza. Dende o Centro de Tráfico do Noroeste manteñen que a estrada de acceso á estación está aberta, sen incidencias e sen restricións.