Os cemiterios galegos adiantan a súa hora de peche pola borrasca Ciarán
Masiva afluencia aos cemiterios galegos no Día de Todos os Santos
Os cemiterios galegos adiantan a súa hora de peche este mércores, Día de Todos os Santos, polos fenómenos adversos que se prevé que deixe a borrasca Ciarán en toda a comunidade.
Así, o Concello de Vigo anunciou que os cemiterios municipais pecharán ás 16 horas, dúas horas antes da súa hora habitual (as 18:30 horas). Ademais, quedan suspendidas todas as actividades de Samaín: en Calvario, Independencia, Príncipe, e Navia.
Pola súa banda, o Concello da Coruña, dada a alerta de vento, pechará o acceso principal ao cemiterio de San Amaro ás 16:00 horas, aínda que permanecerán abertas as laterais ata as 19:00 horas. A Casa das Ciencias, situada no Parque de Santa Margarita, tamén permanecerá pechada desde as 14:00 horas e ata novo aviso, da mesma forma que o propio acceso ao parque.
Así mesmo, o Concello de Santiago tamén ordenou o peche dos parques "mentres persistan estas condicións meteorolóxicas adversas".
As adversas previsións meteorolóxicas non impediron a milleiros de galegos acudir aos cemiterios no día de Santos para depositar flores nas tumbas dos seus familiares.
Un xeito de honrar a súa memoria que provoca sentimentos encontrados: "Lembranzas de toda a familia que non tes, iso é o que ven á cabeza".
Unha tradición que se transmite de pais a fillos e que converte esta xornada nunha cita anual especial. "Todos os anos veño aquí e teño tamén parte da familia aquí enterrada. E non podemos pasar sen vir. E mais vimos desde Rianxo, eh".
"Xa teño os centros postos, pero eran as favoritas da miña filla". "Á miña nai gustábanlle moito brancas e vermellas e leveillas alá a San Cristovo, brancas e vermella. Aquí tamén lle trouxen ao meu irmán branco e vermello".
Nesta ocasión, moitos decidiron aproveitar as primeiras horas da mañá para evitar aglomeracións ou a ameaza da nova borrasca que se achega polo Atlántico. "Si, porque pola tarde non se vai poder vir, vai estar mal tempo, entón aproveitamos agora que non hai ninguén". "A ver se respecta un pouco, porque se non isto é un desastre. A cantidade de cartos que hai aquí tirados".
"Hai menos aglomeracións e mais para mercar flores e todo iso non hai tanto barullo de xente".