Mércores e xoves: algo de sol e moita viruxe
As temperaturas mínimas volverán baixar e a chuvia intermitente deixará neve a 800 metros
Se estes días notaron frío prepárense porque aínda vén máis. Na xornada do mércores e sobre todo na do xoves notarase unha baixada nas temperaturas mínimas que pode deixar neve por riba dos 700-800 metros nas montañas de Lugo e de Ourense. Pero é un arrefriamento que se vai notar en toda Galicia.
"Levo unha bufanda polar, dúas chaquetas, unha camiseta térmica, uns calcetíns gordiños e unha malla polar", explica unha compostelá. En Santiago, a mínima deste martes foron 3 graos pero a humidade deixou unha sensación térmica baixa.
"Mañá mércores ou xoves pola mañá a cota de neve estará nos 700 ou 800 metros. Verémola en zonas elevadas do Xistral, Os Ancares, O Courel e tamén na zona leste da montaña de Ourense", di Alberto Romero, de Meteogalicia.
En toda Galicia, o vento do norte afastará algo as nubes, pero arrefriará as temperaturas. Así que haberá que seguir abrigándose porque veñen días de sol e de viruxe.