Mil escolares participan na Gala final do XXII Festival intercentros da Coruña
Para asistir ao espectáculo hai que mercar a entrada e achegar un quilo de alimentos
A recadación este ano vai ser para a Fundación ENKI e a Cociña Económica
Destacan o gran nivel que están acadando os números da sección Coreografías
Os técnicos do Festival Intercentros da Coruña probaban esta mañá todo o equipamento que van precisar os números da edición número vinte e dúas da gran gala que se celebra pola tarde no Coliseum. A chispa inicial que saltou no ano 2002 no Colexio Santo Domingo seguindo o ronsel de Operación Triunfo foise ampliando a toda a rede de centros e academias da área metropolitana da Coruña.
Esta vez son trinta os que participan, segundo informa Rodrigo Hidalgo, presidente da Asociación Festival Intercentros. Di que ano a ano, amais da modalidade de cantantes e grupos, foi collendo relevancia a sección de baile, polas grandes coreografías que se presentan.
Pero á par desta finalidade artística está tamén a solidaria. Cada ano o Festival Intercentros escolle dúas entidades locais para divulgar a súa misión e achegarlles fondos. Este ano os beneficiarios son a Cociña Económica e a Fundación ENKI, que promove a integración das persoas con discapacidade a través do deporte.
A xerente de ENKI destaca a grande achega que supón ser beneficiaria do festival tanto pola achega económica coma pola visibilidade que lle reporta á organización. Durante todo o ano as organizacións elixidas realizan actividades divulgativas nos centros e reciben o recadado noutras actividades solidarias das escolas.
Para a gala final que empeza as cinco da tarde, as mil entradas da zona baixa xa están todas vendidas, pero aínda queda sitio libre nas bancadas do Coliseum. Por dez euros e un quilo de alimentos non perecedoiros calquera pode desfrutar do espectáculo.