Esgotan os décimos do sorteo do Neno no Irixo por un vídeo feito polos veciños
É unha iniciativa da comisión de festas da parroquia do Campo para recadar cartos para as festas patronais de agosto
Xa queda menos para que chegue a segunda oportunidade de gañar algún premio nos sorteos de lotería tradicionais de cada Nadal. O luns é o sorteo do Neno, e nótase en todas as administracións. Vanse repartir 700 millóns de euros. O ano pasado caeron 3 millóns e medio, moi repartidos, en Galicia.
Onde están moi emocionados este ano co sorteo da lotería do día de Reis é no Irixo. Están convencidos de que o 57397 é o número que vai gañar o primeiro premio do sorteo de Reis logo de que o vaticinara a bóla da Meiga Marina no vídeo promocional que fixeron os veciños da parroquia do Campo para recadar cartos para as festas patronais que se celebran o 15 de agosto.
A Meiga Marina todo o sabe, ata o número que vai gañar o sorteo do día de Reis. A señora Marina, a avoa da taberneira do Abanico, á actriz por un día.
No Irixo, todos confían nos dotes adiviñatorios desta meiga ocasional. De ilusión tamén se vive.
Foi aquí neste bar onde se xuntaron preto dunha trintena de veciños para gravar o anuncio co que conseguiron vender 530 décimos do seu número, cunha recarga de 3 euros cada un para financiar as festas patronais da parroquia do Campo. Esgotáronse en 100 horas todos.
Contaban para o vídeo promocional cun protagonista profesional, o señor Lisardo, comediante do Luar.