Nos cemiterios só o cinco por cento das lápidas están escritas en galego
O proxecto Palabra e Memoria, coordinado polo escritor e profesor Bernardo Penabade, avanza na catalogación das inscricións funerarias en lingua galega
Vinte anos despois do inicio desta investigación, os voluntarios percorren o territorio, parroquia a parroquia
No cemiterio chantadense de San Salvador de Asma, a filóloga Tania Vázquez comeza a súa busca: revisou máis de dous mil panteóns en 16 parroquias da contorna e atopou 83 lápidas escritas en lingua galega.
"Aquí en Chantada o uso do galego nos camposantos, roza o catro por cento nas parroquias estudadas. Iso é unha porcentaxe menor do total do proxecto nas freguesías estudadas, pero hai que ter en conta que hai algúns núcleos nos que a porcentaxe é superior, é o caso de Esmorís, no cemiterio novo, ou no de San Vicente da Grade, onde roza o dez por cento", di Tania.
A profesora constatou un incremento das inscricións funerarias en galego a partir dos anos noventa e en especial no século XXI.
"Imos polo bo camiño. Nos cemiterios estudados en Chantada no que non se advirte a primeira pegada en galego. En todos como mínimo atopamos unha lámina, polo tanto a primeira pedra está posta", afirma.
Voluntarios coma Tania percorren desde hai 20 anos as freguesías do país no marco do proxecto Palabra e Memoria, coordinado polo escritor Bernardo Penabade, membro do Consello da Cultura Galega.
"Destacaría deste proxecto que é aberto á sociedade. É un proxecto no que aprendemos cada día". Isto comezou no 2004 en Burela, hai datos xa duns 50.000 panteóns e podemos afirmar que arredor do cinco por cento das familias comunican en galego nos cemiterios". "O desexo é que como pobo tomemos conciencia que a nosa lingua é o máis valioso que temos, nada máis valioso temos, e reaccionemos como pobo á situación de retroceso social do galego", conta Manuel Vázquez, tamén colaborador do proxecto.