O belén artesanal de Moraña representa o patrimonio e as tradicións do municipio
Pode visitarse no vello edificio da praza de abastos de 17:00 a 20:00 horas

No belén de Moraña están reproducidas todas as igrexas e capelas de cada unha das parroquias do municipio.
Feito de xeito totalmente artesanal, tenta representar o patrimonio do concello e recuperar parte da súa historia volvendo a vista atrás.
Hai carpinteiros, zoqueiros ou ferreiros que poden perderse nos bosques, nas covas, nos petróglifos... Tamén aparecen escenas de tradicións antigas, como o vello curro cabalar.

O obxectivo é amosar a maxia rural e os costumes da zona. O belén pode visitarse no patio central do Multiusos, o vello edificio da praza de abastos, dende as 17:00 ás 20:00 horas.
Dende o 2018, as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña fan este nacemento no que cada ano engaden novos monumentos e figuras. Só no 2020, por mor da pandemia, quedou gardado.
