O Camiño do Inglés, de Ferrol, e O Pazo, de Padrón, reciben o segundo Sol de Repsol
Os restaurantes Omakase, da Coruña, e Terra, de Fisterra, entran na Guía Repsol
Galicia conta cun total de 34 restaurantes recoñecidos con este galardón
Galicia conta dende hoxe con dous novos restaurantes distinguidos con dous Soles Guía Repsol: O Camiño do Inglés, en Ferrol, e O Pazo, en Padrón. Estes establecementos xa tiñan un galardón e este ano reciben outro.
Ademais, outros dous restaurantes galegos reciben o seu primeiro Sol: Omakase, da Coruña, e Terra, de Fisterra.
Así, coas novas incorporacións, Galicia suma un total de 34 restaurantes galardoados: dous deles con tres Soles, 14 con dous e 18 con un.
O Camiño do Inglés, dous Soles
Cun ambiente informal e desenfadado, a orixinalidade dos pratos pon en valor o produto da nosa zona. Non renuncian tampouco a influencias internacionais. O seu nome fai referencia á variante do Camiño de Santiago que arrinca en Ferrol.
Asador O Pazo, dous Soles
Destaca pola calidade do produto, que traballa principalmente á brasa. Ofrecen carne de vaca rubia galega combinada con produtos das hortas locais e peixes das rías galegas. Ademais dunha bodega chea de referencias nacionais e internacionais, sen esquecer o viño galego.
Omakase, un Sol
Local xaponés situado no centro da Coruña e limitado a oito comensais. Basea a experiencia nun menú pechado e decidido polo propio cociñeiro. De aí o significado da palabra omakase.
Terra, un Sol
A transformación dun antigo bar familiar. Aposta pola cociña galega contemporánea.