Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha escola de Vilalba é a primeira do país que cría exemplares de ovella galega

Unha escola de Vilalba é a primeira do país que cría exemplares de ovella galega

O CEIP Terra Chá tamén ten un invernadoiro cun horto ecolóxico e un curral con galiñas de Mos

Félix Aragunde 17/04/2024 14:10

O colexio rural Terra Chá, situado na parroquia vilalbesa de Román, é o primeiro do país que cría exemplares de ovella galega nas súas instalacións.

Faino ao abeiro do programa Mestres Gandeiros da Consellería de Educación, despois de montar un invernadoiro cun horto ecolóxico e mais un galiñeiro con animais doutra raza autóctona, a galiña de Mos.

"Todo o que non damos comido, deixámosllelo ás pitas, que nos poñem ovos cada día. E no invernadoiro plantamos leitugas, allos ou cebolas", di Rubén, alumno de sexto de primaria.

"Traballan en equipo no coidado do galiñeiro ou da horta e emprenden unha nova tarefa, diferente á que fan no centro, á vez que adquiren os coñecementos obrigatorios do currículo, como son as ciencias naturais ou sociais", conta o director da escola José Manuel López Barrio.

Ao mesmo tempo que aprenden, os alumnos poden tamén comprobar que as pitas que coidan poñen ovos ou que o traballo no horto dá os seus froitos, que ademais levan para a casa.

"Levamos un ovo cada certo tempo para facer na casa unha comida. Por exemplo, un ovo frito ou unha tortilla", di Naevia, que estuda Quinto de Primaria.

"Aprendemos moitas cousas coas pitas e coas ovellas. Levamos para a casa ovos das galiñas e pasámolo moi ben", relata Lucas, de Sexto.

Esta experiencia pioneira nos centros escolares de toda Galicia resultou todo un éxito. De feito, o colexio aumentou o seu alumnado, atraído por estes proxectos, cunha decena de novas matriculacións.

"Incrementamos a matrícula sobre un 40 por cento. Pasamos duns 57 alumnos que tiñamos a uns 76 para o curso vindeiro", afirma o director.

Agora, este colexio chairego é xa unha explotación gandeira con todas as da lei, inscrita como criadora da raza ovella galega, e cun galiñeiro rexistrado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade