Empeza a ABAU: os estudantes estréanse con Historia de España e Lingua Castelá e Literatura
Os exames de acceso á universidade dan inicio sen case modificacións respecto aos anos anteriores
As universidades recomendan que a avaliación por competencias na ABAU se implante progresivamente
Primeiro exame da ABAU. Case 13.000 alumnos galegos arriscan a cara ou cruz o acceso á universidade.
"Que sexa o que deus queira", dicía un dos estudantes antes de entrar á proba nunha das facultades de Santiago onde se examinan. Outra recoñecía os nervios ao ser "todo novo", pero optimista afirmaba: "Vai saír todo ben".
Pero sobre eles está o condicionante da nota. Entrar ou non entrar nunha carreira pode ser cousa de décimas, sobre todo naquelas opcións que teñen máis demanda. "É unha presión engadida", recoñecía outro mozo.
A primeira proba foi a de historia de España, e incluíu preguntas sobre o reinado de Isabel II e a Revolución "Gloriosa" e sobre a II República, amais de cuestións máis breves sobre os pobos prerromanos e os Reis Católicos.
Tras un descanso, os estudantes realizaron a proba de Lingua Castelá e Literatura, cuxo texto a analizar versou sobre a inmigración e o conflito da fronteira de Melilla.
No apartado literario os contidos trataron sobre o "Romancero gitano", de Federico García Lorca; e "Crónica de una muerte anunciada", de Gabriel García Márquez.
Tamén se preguntou pola poesía española e Gloria Fortes e pola renovación do teatro español centrado na figura de Alfonso Sastre.
Sen modificacións na proba
Este ano apenas hai cambios no modelo de exame. Entre as novidades: por primeira vez, as obrigatorias repártense en dúas mañás. Polas tardes, as optativas. E un aviso a navegantes: este ano recupéranse os detectores de frecuencia.

Celso Rodríguez, vicepresidente da CiUG, Comisión Interuniversitaria de Galicia, trataba de quitarlle ferro á presión que teñen os estudantes e dicía na Revista que "a proba é moi importante. Normalmente ten relación coa nota que obtiveron no bacharelato. Como corrector teño que explicar que esta proba conta o 40 % e a nota do bacharelato, o 60 %".
Con todo, "esa presión non lla quita ninguén e é verdade que ás veces as carreiras decídense por unhas décimas", recoñece Rodríguez.

"As ABAU estaba previsto que se fixera así, porque estes alumnos examináronse en segundo de bacharelato coa lei antiga. A reforma afecta os que fixeron primeiro este ano. As probas estaban determinadas, son semellantes ás que se veñen facendo desde 2020", aclara o vicepresidente da CiUG respecto aos cambios nos exames nos que se viñeron falando nas últimas datas.
E respecto ás "trampas", pois Celso Rodríguez advertía que "nós imos tratar de poñérllelo o máis difícil que poidamos. Por un criterio de equidade, porque cando un se beneficia, outro prexudícase".
A xornada deste martes conclúe á tarde cos exames de Economía da Empresa e Deseño. A fase ordinaria desta ABAU continuará mañá e o xoves co resto das probas.