Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba unha segunda licitación para Muface cunha suba do 33 %

O Goberno aproba unha segunda licitación para Muface cunha suba do 33 %

A primeira convocatoria quedara deserta, ao non satisfacer as aspiracións das aseguradoras que ofrecen o servizo

Edificio de Muface en Madrid (Ricardo Rubio/EuropaPress/Arquivo)
G24.gal 17/12/2024 12:57 Última actualización 17/12/2024 13:29

O Consello de Ministros aprobou este martes unha segunda licitación para un novo concerto coas aseguradoras para ofrecer servizos sanitarios aos funcionarios mutualistas de Muface.

Segundo explicou a voceira do Goberno e ministra de Educación, Pilar Alegría, a nova licitación realizarase cun incremento do custo dun 33,5 % respecto ao que nestes momentos perciben por ese servizo, e logo de que deixasen deserta a primeira proposta que supuña unha suba dun 17 %.

"O Goberno cumpre co seu compromiso", dixo Alegría, quen quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos funcionarios de Muface, que "van ter garantida a súa asistencia sanitaria nas mesmas condicións que na actualidade ata que ese contrato se resolva".

Desta forma, o importe do concerto pasa a ser de 4.478 millóns de euros, o que supón un incremento de 957 millóns de euros. Ademais, o concerto pasa de dous a tres anos, cubrindo ata 2027.  

En concreto, a prima subirá un 19,37 % en 2025, un 7,25 % en 2026 e un 4,32 % en 2027, cun aumento acumulado en tres anos do 33,5 %. A prima media por mutualista ao ano pasará de 1.032 euros na actualidade a 1.262 en 2027.

Como novidade nestes pregos, vai pasar dunha prima lineal a unha en función dos tramos de idade, de maneira que se pague máis por asegurar aos colectivos de máis idade, e menos polos máis novos.

A licitación da asistencia sanitaria de Muface quedou deserta o pasado 5 de novembro ao considerar as aseguradoras que prestan o servizo (Adeslas, Asisa e DKV) que a subida da 17 % proposta polo Goberno era insuficiente.

Tras isto, o Executivo abriu unha consulta como paso previo á elaboración desta nova licitación para un concerto que vence o próximo 31 de xaneiro.

Sindicatos e outras asociacións como a de altos funcionarios Fedeca urxiron ao Goberno para atopar unha solución para a asistencia sanitaria de Muface que ampara a 1,5 millóns de titulares, entre funcionarios e beneficiarios.

"Trátase dun concerto a tres anos coa finalidade de garantir a asistencia sanitaria do colectivo cuberto", inciden desde Función Pública.

En Muface, o 65 % son docentes de primaria, secundaria e universitarios e un 17 % pertence a algúns corpos da Administración Xeral do Estado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos