O Goberno ultima o decreto de vivenda que o PP considera insuficiente
Pedro Sánchez apura as negociacións con Junts, Sumar e Podemos
O Partido Popular propón aumentar a oferta, mobilizar solo e reducir as trabas administrativas para construír máis vivendas
O executivo apura durante esta fin de semana as negociacións cos grupos parlamentarios para pechar un acordo de mínimos que lle permita contar cos apoios necesarios no Congreso para sacar adiante o decreto da vivenda. Novas medidas, din, para reforzar a protección das persoas vulnerables.
"Empezar a aliviar da situación de emerxencia habitacional que viven moitos colectivos vulnerables. E pido aos grupos parlamentarios que fagamos un último esforzo para que sexa validado no Parlamento porque non é unha cuestón de ideloxías. É unha cuestión de humanidade", defendeu o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante un acto en Xetafe.
Algo que mantén a día de hoxe o enfrontamento entre os socios do Goberno e a oposición. Sumar reclama medidas máis contundentes e Junts medidas concretas que beneficien os pequenos propietarios.
"Non nos vale calquera decreto. Queremos un real decreto que lle meta man aos fondos vuitre", insiste Yolanda Díaz, líder de Sumar.
"Pero que isto non o mesture como fixo coas pensións, con medidas que o que fan é criminalizar os pequenos propietarios. Que non poña pisos en alugueiro e a xente nova teña máis problemas", di o secretario xeral de Junts, Jordi Turull.
Podemos reclama tamén un decreto máis ambicioso e cuestiona que o Goberno estea a negociar con Junts.
" Esta mobilización non remata cun real decreto, non remata cun parche. Necesitamos expropiar as vivendas aos fondos voitre. Necesitamos que as casas sexan para vivir. Prohibir a especulación" asegura a secretaria política de Podemos, Irene Montero.
Mentres, o Partido Popular propón aumentar a oferta, mobilizar solo e reducir as trabas administrativas para construír máis vivendas.
"Uns intentamos poñer solucións, traballamos, xestionamos e facemos propostas para solucionar os problemas; e outros só buscan o choque. E a xente nova xa non pode máis e pon o foco sobre Sánchez. El é o responsable", afirma Juan Bravo, vicesecretario de Facenda, Vivenda e Infraestruturas do PP.