O Mercado de Nadal chega a Santiago
O selo Artesanía Alimentaria reúne 41 pequenos produtores de toda Galicia
Santiago é último destino tras pasar por Vigo, Lugo e Ribadavia
O Mercado de Nadal chega a Santiago e convida a vivir experiencias de calidade. Nun mesmo espazo danse cita ao redor de 40 pequenos produtores agroalimentarios chegados de toda Galicia.
"Pequenos produtores como poden ser os que contan co selo de Artesanía Alimentaria que debido ás súas producións tan pequenas, con tanto mimo, con tanto coidado é difícil ás veces atopalos no mercado, entón aquí é unha ocasión marabillosa para coñecelos", explica Marisé González, do departamento de promoción de AGACAL.
Aquí podemos poñerlles cara, escoitar as súas historias e sobre todo valorar o seu traballo.
"Aquí temos algunha receita recuperada da miña avoa".
"Todos son produtos artesáns, todos os que estamos aquí usamos as mans para a elaboración", comentan varios expositores.
E que mellor tempo que o Nadal para abrir este escaparate e inspirarnos con propostas para agasallar.
"Eu creo que é unha boa oportunidade para poñer iso en valor, para demostrar que facemos uns produtos de calidade e con paixón e con corazón".
"Interesante tamén o contacto entre nós, a rede entre distintos produtores e colaboracións que poidan xurdir e demais".
"Estas feiras están moi ben para que se dean máis a coñecer e que a xente repita e vente buscando, concretamente ao teu produto porque te veu en tal feira e quere volver atoparnos", apuntan outros produtores
Paralelamente á venda e degustación dos produtos, hai un amplo programa de ocio.
"Degustacións, showcookings, clases de cociña, tamén para nenos algunha. Vennos visitar Papá Noel, temos obradoiros infantís para que coñezan todo ao redor aos produtos de calidade galegos", conclúe Marisé.