O plan de alerta por risco de inundacións mantense activo nunha ducia de ríos galegos
Os niveis máximos de seguimento superáronse en Soutomaior, Gondomar, Pontevedra e Ponte Caldelas, segundo Augas de Galicia
A Xunta pídelle á poboación que adopte medidas de autoprotección que contribúan a garantir a súa seguridade
A Xunta activou o pasado sábado o Plan Inungal ante o risco de desbordamentos puntuais nos ríos e mantense este luns nunha ducia, segundo aconsellan as medicións.
Segundo os últimos datos facilitados por Augas de Galicia, as estacións de Oitavén, en Soutomaior; Miñor, en Gondomar; do Lérez, en Pontevedra; e do Verdugo, en Ponte Caldelas; rexistran un nivel superior aos límites máximos de seguimento establecidos.
Na mesma situación están outros ríos da Coruña, Lugo e Ourense, como o Mendo, en Betanzos; o Masma, en Mondoñedo; Mandeo (Aranga); Landro (Viveiro); o Azúmara, en Reguntille (Castro de Rei); o Ladra (Insua, Vilalba); Miño (Lugo); e Arnoia, en Baños de Molgas (Ourense).
Neste contexto, o Executivo autonómico lembra á poboación que é "importante" adoptar medidas de autoprotección que contribúan a garantir a súa seguridade.
Ademais, o centro de control de conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) informou de que a estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica no río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo rexistra neste momento “uns niveis que superan o limiar de pre-alerta”, con “unha evolución que fai previsible situacións significativas de crecida”.
Pero Herminia xa está a provocar en Galicia varios desbordamentos de ríos polas intensas chuvias. O río Umia desbordou en Caldas de Reis; o río Gallo, en Cuntis; o río Tambre, ao seu paso pola Ponte Maceira, en Negreira, e o río Parga en Vilalba.
A situación en Caldas de Reis pola enchente do río Umia é preocupante. En Cuntis, ante o perigo de desbordamento do río Gallo avisaron a poboación de que evitasen os desprazamentos: "Tivemos que pechar a rúa da Presiña e un anaco na circunvalación. Emitimos dous avisos por parte do concello: primeiro para que se tomasen as medidas de precaución ante a evidente subida do río. E despois, case unha hora despois tivemos que dar un segundo aviso porque en cuestión dunha hora subiu un metro de nivel da auga e foi cando empezou a desbordar", explica o alcalde de Cuntis, Manuel Campos:
A enchente do río Tambre tamén deixou desbordamentos ao seu paso pola Ponte Maceira, en Negreira
Na localidade luguesa de Vilalba desbordou o río Parga, anegando varias pistas polideportivas.