O polbo é o rei da gastronomía galega entre os turistas
Sexa á feira, ao estilo da Illa ou á mugardesa, o polbo é o prato máis versátil da nosa gastronomía
O domingo, O Carballiño celebra o día grande da 62 edición da Festa do Polbo
É o rei da gastronomía galega. O polbo levanta paixóns entre os propios galegos, pero tamén entre os que veñen de fóra.
"A xente que ven aquí, vén preguntando polo polbo, antes de nada", comenta unha vendedora do Franco.
"O polbo é algo que ninguén quería e agora todo o mundo quere", contan algúns turistas.
Non hai feira, nin festa en Galicia en que non haxa unha polbeira. Son máis de 150 anos de tradición ás súas costas. Gusta o sabor pero tamén toda a liturxia de preparación que leva consigo. Lonxe quedan os tempos en que unha ración custaba 300 pesetas. Hoxe en moitos sitios roza os 20 euros. Ao estilo feira é o máis demandado, pero se por algo se distingue o polbo é pola súa versatilidade. No restaurante Bochinche, en Santiago, lidera a carta con preparacións moi variadas.
"Son basicamente polbo á feira, polbo estilo illa que está agora mesmo presente na carta, o polbo á grella con distintas salsas, facemos tamén uns espetiños, que xa é un prato frío e, por exemplo, outra elaboración que facemos é de aproveitamento coas cabezas, son as rabas de polbo non?", explica Brais Lobato, xefe de cociña do Bochinche.
O importante á hora de elaboralo é collerlle o punto de cocción, non chega con asustalo.
"Si que é verdade que é un pouquiño complexo collerlle o punto na cocción pero unha vez tes ese punto podes facer infinidade de receitas tanto quentes como frías, guisos, pratos á prancha, á grella", continúa o cociñeiro.
O polbo ten tantos pratos como tentáculos o seu corpo.