O presidente de Renfe deixa o seu posto por motivos persoais
A súa saída, prevista para o 14 de xaneiro, prodúcese nun pacto "de mutuo acordo" co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

O presidente de Renfe, Raül Blanco Díaz, deixará o seu posto como máximo executivo da compañía ferroviaria pública Renfe "por motivos persoais" o próximo 14 de xaneiro.
A súa saída prodúcese nun pacto "de mutuo acordo" co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, de quen depende a empresa ferroviaria, "para centrarse en novos obxectivos profesionais no ámbito privado".
Nos dous anos transcorridos dende que asumiu a presidencia de Renfe, estabilizáronse as contas da empresa, que viu reducir as súas perdas de 123,4 millóns de euros no 2023 a 20 millóns no ano pasado, o que supón un 83 % menos. Ademais, o ebitda (beneficio bruto de explotación antes de amortizacións e xuros) creceu en 2024 un 28 % respecto ao exercicio anterior, ata alcanzar os 450 millóns de euros.
Estes resultados "mostran a capacidade de Renfe para ser rendible nunha contorna de intensa e crecente competencia a nivel nacional e, tamén, como a internacionalización se consolida como un dos vectores de crecemento máis relevantes nos próximos exercicios".
Blanco tamén impulsou a dimensión exterior de Renfe que, tras a creación en 2023 de Renfe Proxectos Internacionais presente en máis de 10 países, e tamén avanzou, grazas ao cambio dos equipos de dirección e coa mellora das normas de transparencia no seo da empresa, na modernización desta.
Renfe, polo tanto, conclúe esta etapa "na senda para ter resultados positivos a partir de 2025 e preparada para ser unha das grandes de empresas españolas globais no ámbito da mobilidade durante os próximos anos".