O presidente do TSXG prevé que a sentenza do Alvia estea lista este ano
As sesións do xuízo rematarán o próximo 27 de xullo tras varios meses de traballo
José María Gómez cre que é prioritaria a implantación de xulgados especializados en violencia de xénero en todas as cidades

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez, asegurou este domingo que prevé que a sentenza do caso Alvia estea lista este ano.
Nunha entrevista en Radio Galicia, da cadea SER, Gómez explicou que o xuízo acabará o próximo 27 de xullo tras meses de traballo.
A maxistrada Elena Fernández redactará a continuación a sentenza, o que o presidente do TSXG cre que lle levará varios meses, aínda que opina que acabará antes de final de ano.
En todo caso, reclama que non se exerzan presións durante este proceso.
Por outra banda, Gómez sostivo que é prioritaria a implantación de xulgados especializados en violencia de xénero en todas as cidades, pois na actualidade só os hai na Coruña e Vigo.