O proxecto Vitrificatum incorpora cinsas fúnebres en xoias de vidro na Coruña
A artista Xulia Ares intenta elaborar as súas pezas dun xeito que permita "lembrar como era esa persoa en vida"
O dicionario da Real Academia Galega define "xoia" como unha obra de moito valor polo traballo que ten, por estar feita con materiais valiosos ou por ser difícil de atopar outra igual. Tres requisitos que reúnen estes traballos de Xulia Ares, xa que incorporan no seu interior as cinsas dun ser querido.
"Vitrificatum é un proxecto que xorde hai case unha década para poder ter as cinzas dun ser querido máis próximas a ti. En vez de ter a urna aí á vista, pensei en facer unhas esculturas nas que lles podía incorporar as cinzas deses seres queridos", explica Xulia Ares.
Investigou e probou ata dar coa técnica máis respectuosa para integrar as cinsas no vidro de xeito efectivo. "Trátase de poder traballalas sen tocalas", conta Xulia. "Eu non as toco, deposítoas nas primeiras capas de vidro, sigo traballando nas capas seguintes ata conseguir o traballo que se me pide. A min a xente dáme datos da persoa e eu o que pretendo é trasladar a personalidade do ser que xa non está a unha peza que poida lembrar como era esa persoa en vida", engade.
Dende pequenos aneis ou colgantes ata esculturas, cada peza é única e busca capturar a traxectoria vital da persoa lembrada, o que lles dá un forte valor emotivo.
"Sobre todo cando é xente nova, méteste moito no papel de nai ou de familiar desa persoa, porque ese é o tema, non se trata de traballar, meter dentro as cinzas dunha persoa, darlles cor e fóra, non, ten que ter algo máis esa peza, un sentimento, senón o proxecto non tería ningún sentido."
Así, estas xoias convértense nun xeito de seguir lembrando os que nos acompañaron dunha maneira única.