Publicador de contidos

Publicador de contidos

Perelló ve de extraordinaria gravidade acusar os xuíces de actuaren por razóns políticas

Perelló ve de extraordinaria gravidade acusar os xuíces de actuaren por razóns políticas

A presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial considera que esta acusación compromete o Estado de Dereito e pode supoñer unha conduta delituosa

A fiscal xeral, Teresa Peramato, urxe a retornar á plena seguridade e normalidade en Ceuta

EFE/ J.J.Guillén POOL EFE/ J.J.Guillén POOL
G24.gal 10/09/2026 10:50

A presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPJ) Isabel Perelló considera de extraordinaria gravidade acusar os xuíces de actuaren por razóns políticas, unha imputación que pode chegar a implicar a atribución dunha conduta delituosa e compromete o Estado de Dereito.

No seu discurso con motivo do acto de apertura do Ano Xudicial, lamentou as acusacións expresas xeneralizadas de que xuíces e tribunais adoptan determinadas decisións por razóns políticas e non polas razóns xurídicas que expresan as súas resolucións, o cal supón unha imputación de extraordinaria gravidade, que pode chegar a comportar a atribución dunha conduta delituosa. 

A presidenta do Poder Xudicial fixo unha defensa férrea da independencia xudicial ante os ataques aos xuíces e dixo que "a discusión xurídica sobre as razóns dunha resolución non pode ser substituída pola atribución ao xuíz de propósitos políticos ou ideolóxicos, a partir da mera discrepancia co resolto".

Neste senso, Perelló "respecto e lealdade institucional" porque "non é admisible que a descualificación pública dos xuíces se convirta nun instrumento de presión sobre o exercicio da xurisdición", xa que "o xuíz debe estar libre de influencias externas, sen presións directas e indirectas e manterse alleo aos intereses das partes e ao resultado do litixio".

A fiscal xeral urxe a retornar á plena seguridade e normalidade en Ceuta

A crise de Ceuta marcou a intervención da fiscal xeral do Estado. Teresa Peramato destacou a necesidade de preservar o principio de legalidade e o retorno a unha situación de plena seguridade e normalidade tras a crise migratoria acontecida o pasado 30 de xullo coa chegada de miles de persoas.

Peramato tivo palabras de recoñecemento e solidariedade á cidadanía de Ceuta, que afrontou e continúa facendo fronte a situacións especialmente complexas con serenidade, responsabilidade e con proximidade ás persoas migrantes en condicións de especial vulnerabilidade.

Recoñeceu "de xeito especial" o labor dos fiscais de Ceuta e a súa dedicación "para garantir a defensa da legalidade e a protección dos dereitos fundamentais de todas as persoas afectadas e, moi particularmente, dos menores" e indicou que o seu departamento acordou enviar de forma temporal tres fiscais da península á cidade autónoma.

A loita contra a corrupción: unha das prioridades da Fiscalía

No seu discurso debullou os datos máis relevantes da Memoria da Fiscalía de 2025, feitos públicos este xoves, e salientou a loita contra a corrupción; un fenómeno que "erosiona a confianza da cidadanía nas institucións e compromete os principios de integridade e servizo ao interese xeral".

Peramato mostrouse tamén critica cos ataques que sofren os fiscais, atribuíndolles gratuitamente "motivacións espurias onde unicamente existe unha valoración xurídica". 

Reivindicou a reforma do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, que propón, entre outras medidas, desvincular o mandato do fiscal xeral da duración do Gobierno que o nomeou.  Tivo un recordo aos gardas civís mortos en Barbate e Huelva en operacións contra o narcotráfico e cualificou de "intolerables" os datos relacionados coas vítimas de violencia machista

Lembrou que 50 mulleres foron vítimas de feminicidios a mans das súas parellas ou exparellas en 2025, as mesmas que o ano anterior, e delas unicamente once presentaran denuncia.

Ante estes datos considera "imprescindible seguir reforzando todos os mecanismos de prevención, detección, protección e asistencia ás vítimas, creando as condicións necesarias para que poidan denunciar con certeza".

Peramato fixo estas reflexións ante as máis altas autoridades do Estado, membros do Goberno encabezados polo ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes Félix Bolaños, a alta maxistratura do país e responsables políticos, como o líder dos populares Alberto Núñez Feijóo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade