O Sergas lembra que segue dispoñible nos hospitais a cuarta dose contra a covid
Ante a crise xerada na China, a Xunta salienta que Galicia conta coas maiores taxas de vacinación
Incide en que as vacinas actuais cobren as variantes que circulan nestes momentos
Ante a crise do coronavirus xerada na China, a Xunta salienta que a nosa comunidade conta coas maiores taxas de vacinación contra a covid en España e que as vacinas actuais cobren as variantes que circulan neste momento.
O Sergas lembra ademais que seguen abertos os puntos de vacinación contra o coronavirus nos hospitais galegos, principalmente para as persoas de risco ou para as que non teñen aínda a pauta completa.
"As recomendacións do Ministerio de Sanidade son a vacinación das persoas por riba dos 65 anos, ao igual que na da gripe unificáronse os grupos de risco. Por debaixo desta idade, todas aquelas persoas de risco, inmunodeprimidas e aquelas persoas que convivan con outras con patoloxías de risco ou que consideren que teñen un risco engadido poden acudir a vacinarse contra a covid. Está dispoñible a autocitación desde a aplicación do Sergas ou por teléfono, tamén poderían acudir nun momento determinado sen cita aos puntos de vacinación que seguen abertos nos catorce hospitais galegos", di Susana Mirás, xefa de Control de Enfermidades Transmisibles do Sergas.
