Os médicos poderán acceder ás prazas de difícil cobertura en Galicia cun concurso de méritos
Serán prazas en propiedade ofertadas polo Sergas nos diferentes hospitais comarcais galegos
A Xunta ten previsto convocar a principios do vindeiro ano as prazas vacantes de difícil cobertura nos hospitais comarcais. Un proceso que se resolverá sen oposición e por concurso de méritos, co requisito de que os facultativos permanezan nas súas prazas polo menos dous anos.
Este de Verín canda outros como o da Mariña , Monforte ou O Salnés son algúns dos hospitais galegos con prazas de difícil cobertura. Neles o Sergas ofertaralles aos facultativos a partir do vindeiro ano prazas en propiedade ás que accederán por concurso de méritos.
"Cando haxa prazas de difícil cobertura nos comarcais despois das OPE como a que estamos agora mesmo resolvendo, esas prazas vacantes que poida haber, poidan ser accesibles para os profesionais desas especialidades deficitarias como poden ser traumatoloxía, medicina interna ou radioloxía, e o que poden ser accesibles a un concurso de méritos. É dicir acceder a esas prazas sen oposición de xeito permanente. Unha praza en propiedade e co requisito de pasar dous anos traballando neste tipo de centros", explica o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña.
En canto á situación en Galicia nos contaxios por distintos virus respiratorios, coidan que o da gripe empeza a experimentar unha lixeira baixada, sen chegar aínda o seu pico máximo.
"Non estamos tendo demasiados ingresos por gripe, o VRS a principios do mes de outubro tivo ese pico grande, pero agora parece que está algo máis estabilizado. O coronavirus segue estando máis na rúa coas probas que facemos que nos hospitais, aínda que temos pacientes, poucos en planta e moi poucos na UCI".
Julio Comesaña fixo estas declaracións durante a súa visita as obras de ampliación do hospital comarcal de Verín.