O xulgado de Noia cita a empresa da mina de San Fins por suposta contaminación
As análises realizadas evidencian verteduras de metais pesados superiores ao límite permitido
Augas de Galicia xa sancionara en 2023 a empresa mineira polas irregularidades detectadas

O Xulgado de Instrución Número 2 de Noia chama a declarar a empresa Tungsten, concesionaria na mina de San Fins, en Lousame (A Coruña), pola suposta comisión dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. As análises realizadas na contorna da mina evidenciaron verteduras de metais pesados superiores ao límite máximo permitido.
A finais do pasado ano, Augas de Galicia xa abriu un expediente sancionador polas irregularidades detectadas.
Concentración das plataformas ecoloxistas e as confrarías de Noia e Portosín
Tras a citación do xulgado de Noia, o representante da empresa, Miguel Cabal Lorenzo, deberá comparecer en sede xudicial o próximo 1 de febreiro. As plataformas ecoloxistas e as confrarías de Noia e Portosín, que veñen denunciando o proceder da empresa, xa anunciaron que se concentrarán diante do xulgado en contra das actuacións da empresa.