Ordenan desaloxar 3.000 persoas polo risco de erupción na Illa de São Jorge, nos Azores
As autoridades manteñen a alerta 4 de risco por erupción
Ducias de persoas xa abandonaron a illa ante o temor a un tremor destrutivo ou a un volcán
O Goberno dos Azores exixe o desaloxo dunhas 3.000 persoas ante a alerta de erupción volcánica na Illa de São Jorge. Aínda así, durante toda a semana ducias de persoas xa fuxiron da illa porque o temor é grande.
São Jorge esta vivindo unha situación moi parecida á que viviu A Palma os días previos á erupción do seu volcán o ano pasado. A diferenza é que esta illa dos Azores, de 8.500 habitantes, é tres veces máis pequena ca a Palma, e unha erupción volcánica requiriría a evacuación completa.
O enxame sísmico comezou o sábado pasado: uns 2.000 tremores xa, dos cales 150 foron perceptibles para a poboación, que comezou a poñerse nerviosa lembrando outros episodios destrutivos do arquipélago portugués, o último un gran tremor nos anos 80, que deixou 70 mortos.
Agora, o risco de erupción é real, están en alerta catro dos cinco volcáns que hai, e o Goberno autónomo xa aumentou a frecuencia dos voos para quen queira deixar São Jorge e ten preparado un plan de continxencia para actuar o máis rápido posible. Polo de agora, a zona de máis perigo vai ser desaloxada.
É a área da illa, por certo, que ten máis infraestruturas e máis potencial turístico. Sería unha catástrofe nunha das zonas máis desfavorecidas economicamente de Portugal.