Organizan unha batalla de galos solidaria en Ourense
Os afeccionados ao hip hop queren amosar o seu compromiso coa comunidade
Cada participante doou un xoguete novo para a Cruz Vermella
Os afeccionados galegos ao Hip Hop queren amosar o seu compromiso social cun acto que organizaron en Ourense. Realizaron unha concorrida batalla de galos con fins solidarios.
"A cultura hip hop sempre busca axudar o que ten ao lado, mellorar a comunidade...", destaca Xenxo Vázquez, membro da organización.
Cada un dos participantes, para inscribirse, doou previamente un xoguete novo para a Cruz Vermella, que llelo fará chegar a familias sen recursos.
Batallas de galos
Herdeiros involuntarios da cultura popular da regueifa, estes poetas urbanos tamén buscan a inspiración na actualidade, nas súas experiencias persoais e na realidade inmediata.
"Compiten entre eles para ver quen, improvisando no momento, é capaz de lle gañar a batalla ao contrincante", explica Jorge Piñeiro, alcumado 'Hombre P' .
Todo un espectáculo de axilidade mental e capacidade creativa que sempre remata, malia o frenesí da batalla, cunha fraternal aperta.