Os 'charms', ou a moda de colgar monecos de peluche e plástico e xoias nos bolsos e mochilas
Aquilo de customizar os complementos que naceu nos anos dous mil volve estar de plena actualidade
Probablemente se teñan fixado en que os adolescentes levan colgados nas súas mochilas monecos e peluches e os adultos levan tamén pendurados nos bolsos distintos accesorios. Chámanse charms e están moi de moda. A tendencia dos anos dous mil de personalizar a roupa volve á rúa grazas ás celebridades das redes sociais.
Na tenda Miss Complementos de Alicia só quedan uns poucos charms. Estes monecos de peluche ou plástico para colgar nos bolsos e mochilas son un dos produtos máis vendidos hoxe. Son complementos para os complementos que os converten en exclusivos e únicos.
"Darlle o teu toque, o teu toque persoal. E dis, a min gústame o estilo manga, e podes usar un moneco de unicornio, ou kuromi, que é un persoanxe de Hello Kitty", conta Alicia Rouco, da tenda Miss Complementos.
Das redes ás tendas e das tendas ás rúas. Aquilo de customizar os complementos que naceu nos anos dous mil volve estar de plena actualidade grazas a Rosalía, Dua Lipa, Paris Hilton e toda a recua de youtubers, instagramers e tiktokers. Ademáis dos charms, o último último son os sonny angels para poñer nos móbiles e ordenadores.