Os Estados Unidos controlarán a seguridade de Groenlandia
Trump anuncia un acordo "histórico" con Dinamarca para controlar de forma permanente a seguridade da illa
O pacto, do que non transcenderon detalles, supón un veto absoluto á presenza de Rusia e da China
Dinamarca e Groenlandia confirman o acordo pero falan de "seguridade compartida" sobre a illa
Trump anuncia un acordo con Dinamarca e con Groenlandia para asumir o control permanente da seguridade na illa ártica.
O presidente dos Estados Unidos asegura que o pacto permitirá reforzar a presenza militar norteamericana en Groenlandia e impedirá a doutros países. Na práctica supón a creación de novas bases estadounidenses e o veto total á China e a Rusia.
Donald Trump tamén indicou que o acordo é por tempo indefinido e que non terá custos para o país norteamericano.
O anuncio prodúcese despois de que, a principios de ano Trump provocase unha crise nas relacións con Groenlandia, Dinamarca e o resto de países da OTAN ao suxerir unha invasión da illa por considerala un obxectivo estratéxico para os Estados Unidos.
O interese por Groenlandia foi a máis nos últimos tempos pola súa importancia estratéxica, incrementada polo desxeo que está abrindo novas rutas marítimas. Tamén porque é rica en recursos minerais, especialmente en materiais críticos.
Comunicado de Donald Trump
Groenlandia destaca que o acordo preserva a integridade territorial e a soberanía
O Goberno de Groenlandia, territorio autónomo de Dinamarca, destacou este sábado que o acordo con Estados Unidos preserva a soberanía e a integridade territorial desa illa ártica.
"O acordo recoñece a soberanía do Reino de Dinamarca, a integridade territorial e o dereito do pobo groenlandés á autodeterminación", sinalou nas súas redes sociais o presidente autonómico de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen.
Nielsen destacou que beneficiará non só a seguridade colectiva desa illa duns 56.000 habitantes, senón tamén o seu desenvolvemento continuo.
"O acordo reflicte o que dixemos desde o principio, que se recoñeza a posición de Groenlandia. Recoñécese o seu dereito de autodeterminación e recoñécese ao pobo groenlandés de acordo co dereito internacional", dixo á televisión pública danesa DR o ministro de Exteriores groenlandés, Múte B. Egede.
Con todo, un comunicado conxunto difundido polos Gobernos de Dinamarca e Groenlandia sinala que os tres Gobernos esperan poder asinar o acordo a próxima semana, coincidindo coa Asemblea Xeral de Nacións Unidas.
O documento precisa ademais que, unha vez asinado, o pacto deberá pasar polos procedementos parlamentarios necesarios para entrar en vigor.