Os hoteis, as terrazas e as rúas de Pontevedra énchense de xente "Feroz"
A celebración dos premios Feroz encheu Pontevedra. Restaurantes e hoteis, case ao cen por cento de ocupación toda a fin de semana
Os premios Feroz volveranse celebrar na cidade de Pontevedra o vindeiro ano
A celebración dos premios Feroz encheu Pontevedra. Restaurantes e hoteis, case ao cen por cento de ocupación toda a fin de semana, senten especialmente a pegada dun evento da industria cultural española que se volverá celebrar na cidade o vindeiro ano.
O sector da hostalaría e tamén o hoteleiro son os que máis están sentido o paso pola cidade desta gala da edición número doce dos premios Feroz, outorgados pola asociación de informadores cinematográficos. Candidatos, presentadores do evento e moitos xornalistas especializados, cearon onte na Praza de Abastos.
Os hoteis están case cheos desde o venres e as reservas están formalizadas hai meses. O concello ten activado un plan de mobilidade con accesos de circulación e aparcamento restrinxidos na contorna deste Pazo da Cultura, onde veremos a clásica alfombra vermella e onde se celebrará a gala.
No único hotel de catro estrelas da cidade a ocupación é do cen por cento. Está cheo de xente do cine, que por un ou outro motivo acudirá á entrega dos premios Feroz. Das poucas madrugadoras, a actriz Macarena García. Fóra do hotel algún cazaautógrafos. No resto de hoteis a ocupación tamén ao cen por cento con clientes tocados polos Feroz.
"Máis aínda en xaneiro, que é un mes moi frouxiño despois do Nadal. Entón vénnos de perlas. Moi ben. Non sei se haberá hoxe como clientes actores, algún traballador da organización pero seguro que son dos premios, son "ferozes"", conta a TVG Manuel Portela, do Hotel Rúas.
No centro da cidade tamén ten presenza a gala desta noite. Traballadores do cine e da televisión ou xornalistas especializados aproveitaron a mañá para coñecer Pontevedra.
"Pois desfrutando do día, que é para o que poida andar por aquí nestes días, espectacular. Un tempo boísimo e ademais unha xente de dez. Xa andan por aquí, podedes velos, Eduard Fernández, Candela Peña...", relata Manuel Portela, do Hotel Rúas.
O evento celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde traballan xa, dan os últimos retoques para que as estrelas luzan ben.