Os oncológos reclaman avances na cobertura pública do tests de biopsia líquida
Desde un simposio en Santiago, fan chamamento para equiparar a cobertura dos tests á que teñen países como Francia ou Italia
Tras dez anos de investigación, esta técnica demostrou xa a súa eficacia na detección e tratamento de moitos tipos de cancro
A conferencia maxistral do oncólogo italiano Alberto Bardelli abriu un simposio que se consolida como foro internacional sobre biopsia líquida. Pasaron xa dez anos, 500 relatores e 3.000 oncólogos desde aquel primeiro encontro que reuniu en Santiago de Compostela expertos de todo o mundo para o estudo dunha técnica que daquela era aínda moi incipiente.
Hoxe en Galicia, a biopsia dos fluídos corporais -sangue, saliva ou leite materno- úsase na abordaxe duns 500 pacientes ao ano, sobre todo no caso de tumores avanzados. Pero ten utilidade tamén na detección residual da enfermidade tras a operación e hai un campo aberto no estudo do seu uso para detección precoz.
"É certo que en Santiago, pola nosa traxectoria e o laboratorio de investigación e toda a infraestrutura que temos, pois somos un centro que ten máis capacidade para detectar eses biomarcadores circulantes. Temos un laboratorio acreditado, que é un dos poucos acreditados a nivel estatal", subliñou Laura Muinelo, da Unidade de Análise de Biopsia Líquida ONCOMET do CHUS .
Pero os oncólogos piden que a cobertura dos tests sexa máis ampla, seguindo o modelo de países como Francia.
"En Francia, que son os pioneiros en medicina de precisión, calquera oncólogo pode pedir unha análise de biopsia líquida para os pacientes con enfermidade avanzada, e todo se fai no Instituto Gustave Roussy de París", explicou Rafael López, o Presidente de ASEICA e xefe de Oncoloxía Médica do CHUS.
A biopsia líquida, unha técnica non invasiva, axuda os oncólogos a saber que alteracións aparecen nos tumores e seguir a súa evolución a través do tempo.