Os pacientes da área sanitaria de Vigo poden escoller desde hoxe hospital de referencia
Os beneficiarios teñen 30 días naturais de prazo para elixir entre o Complexo Hospitalario de Vigo ou o Hospital Povisa
As solicitudes poden presentarse no centro de saúde, no servizo de admisión do hospital ou a través de Internet

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo.
Así, o Servizo Galego de Saúde garante que os pacientes poidan elixir o seu centro hospitalario de referencia e opten entre o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ou o Hospital Povisa.
Terán a posibilidade de exercer o seu dereito á libre elección os doentes dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e tamén aqueles adscritos aos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, López Moura, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña, Rosalía e Beiramar do concello de Vigo.
Dispoñen de 30 días naturais para presentar as solicitudes, que empezan a contar desde este martes.
Deberán entregar cuberta a solicitude, que poden descargar na páxina web do Sergas, xunto ao documento identificativo do solicitante (DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte). Se a petición a presenta un titor ou titora legal ou outra persoa autorizada, deberá achegarse tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a titoría legal ou a autorización específica da persoa interesada.
A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na área sanitaria de Vigo. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través de Internet.