Persoas sen fogar piden poder acceder aos albergues coas súas mascotas
Non poden entrar en ningún centro de transeúntes de Galicia
José ten 57 anos e traballaba na limpeza. Despois de once operacións agora cobra unha pensión non contributiva duns 400 euros. O que máis ama neste mundo é Chico, o seu can, que apareceu abandonado na rúa metido nunha caixa.
Deixaron Cataluña e viñeron para Galicia facendo o Camiño de Santiago. Chegaron a Lugo e os dous tiveron que durmir na rúa durante nove meses. Coa súa pensión non deu topado un alugueiro e coa súa mascota non podía acceder ao albergue público.
Asegura que a Cruz Vermella foi a única organización que lle brindou axuda na rúa, cunha implicación persoal extraordinaria. Ademais, a sorte chegoulle da man dun grupo de rapazas animalistas que se interesaron por el e por Chico.
Buscáronlles un piso para alugar en Becerreá onde admiten animais. José xa se empadroou neste concello. Porén, quere denunciar o problema que viven acotío as persoas sen teito con mascota, que non poden durmir nos albergues públicos.