Debaten en Santiago os últimos avances en enfermidades da retina
Uns 200 oftalmólogos participan nun curso de actualización na Facultade de Medicina
Os avances médicos e cirúrxicos permiten tratar enfermidades xenéticas e operacións menos invasivas
Oftalmólogos de toda España reúnense en Santiago nun curso sobre patoloxías da retina e as últimas innovacións no seu tratamento.
As novas terapias para enfermidades que non tiñan tratamento, doenzas hereditarias e a aplicación da intelixencia artificial ás maculopatías centraron os relatorios dos expertos.
A dexeneración macular, o desprendemento de retina ou a enfermidade diabética do ollo son doenzas que lle afectan a unha das partes fundamentais da nosa visión e que dificultan o enfoque ou a agudeza para ler, conducir e ver con precisión.
Os avances médicos e tecnolóxicos, xunto co tratamento precoz, conseguen evitar en moitos casos a perda grave de visión.
Uns 200 retinólogos de referencia compartiron en Santiago as solucións oftalmolóxicas máis avanzadas que están aplicando nas súas consultas, tanto a nivel de diagnóstico como no quirófano.
"Na cirurxía vitreo-retiniana o avance máis importante foron as incisións con microcánulas, que teñen como vantaxe facerlle menos dano ao paciente que terá unha recuperación máis rápida. E desde o punto de vista médico, destacar os novos fármacos que estivemos investigando e colaborando con centros de países estranxeiros e que nos permiten ofrecer novos tratamentos", aclarou Francisco Gómez-Ulla, director técnico do Miranza Instituto Gómez-Ulla.
Ademais este sábado os retinólogos compartiron as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para facer unha diagnose precoz e expuxeron as últimas investigacións en terapias xénicas para enfermidades hereditarias que ata agora non podían ser tratadas.