Os usuarios de Vigo xa gozan da nova estación de buses na intermodal da cidade
Ás sete da mañá saíu das instalacións o primeiro dos autocares con viaxeiros
Conecta directamente o tren e o autobús na mesma infraestrutura
Os viaxeiros de Vigo xa poden realizar desde primeiras horas deste sábado de xeito máis áxil e rápido o cambio de transporte entre o tren e o bus coa posta en marcha definitiva da intermodal.
A nova estación será o nó de viaxeiros do sur de Galicia e prevese que poida atraer uns 300.000 pasaxeiros máis ao ano.
As 30 dársenas de autocares vanlle dar servizo a unhas 500 expedicións diarias, traxectos que se farán ademais en menos tempo.
O traslado da estación obriga a reordenar a rede do transporte público, e crearanse catro novas paradas no centro, aproveitando as do bus urbano. Dende a Xunta estiman que os novos itinerarios non terán impacto significativo no tráfico.
Cun investimento de case 19 millóns de euros e seis meses despois do remate das obras, a nova estación de autobuses completa a intermodalidade en Vigo.