Pasean nun Rolls Royce por Lugo para celebrar que venderon varios décimos do Gordo de Nadal
Nunha librería ofreceron esta experiencia se tocaba algo grande e cumpriron co prometido
Así foi como celebraron nunha librería de Lugo a venda de varios décimos premiados co Gordo. Fixérono paseando nun Rolls Royce de 1948, propiedade dun coleccionista.
Prometeran esta experiencia para os clientes aos que lle tocase un premio importante, e resultou que acabaron repartindo 800.000 euros.
Polo momento, os agraciados aínda non pasaron por esta librería onde compraron os décimos do Gordo de Nadal. Pero iso non impediu que o Rolls Royce saíse dar un paseo, posto que as traballadoras do negocio deron unha volta por Lugo xunto co dono do coche clásico.
"Pensamos: que podería facer un para sentirse un millonario no momento sabendo que esa persoa acaba de ser millonaria? E falamos con Manolo Soriales, un coleccionista que trouxo unha xoia, un Rolls Royce, de varios coches que ten impecables", conta Eva Cancela, libreira.
Tanto a libreira como as dúas empregadas viviron unha xornada que, con certeza, non han esquecer na vida.
"Foi un día moi emocionante en xeral. Xa chegaba a hora de acabar e viamos que non tocaba premio, e de repente saíu o gordo e tocou aquí. Moi contentas", engade Isa López Yuste, empregada da librería.
"E vendémolo encantadas. Aínda que nós non fomos as afortunadas, foi espectacular o paseo no coche", remata Pilar Rodríguez, empregada da librería.
Sen dúbida, o delas foi un plan co que todo saíu tan redondo coma o 88.008.
