Piden paralizar as obras nun tellado en Viana do Bolo polos danos que causa nas vivendas
Fendas, humidades e teitos derruídos son algunhas das consecuencias que os veciños aseguran que lles están a traer estas obras
As obras que están a facer no tellado dun edificio en Viana do Bolo son motivo da discordia. Comezounas un dos propietarios hai tres anos e dende aquela os problemas no resto das vivendas son unha constante.
Os veciños din que lles provocan fendas, humidades, mesmo teitos derruídos; en resumo, unha preocupación constante, din, por se as obras chegan a causar danos irreversibles na estrutura do inmoble. Contan que presentaron xa varias denuncias, pero sen éxito polo de agora.
"Empezou quitando o tellado daquela parte, foi comendo tellado, e aquí cortou unhas vigas de contención, cortounas cun machete, e iso fixo que o tellado baixara"
Deste xeito relata Yolanda como comezaron os problemas neste edificio de Viana en que residen. O veciño do último andar comezou a obrar no tellado e agora falta xa boa parte da cuberta, co conseguinte dano para as vivendas. Así o explica Yolanda Revesal, unha das inquilinas.
"Hai un piso que xa lle está chovendo, outro que lle está caendo o teito da súa casa. Seprona levantou oito denuncias por todo o lixo, refugallos, rodas que se ven a simple vista, pero pola parte de atrás tamén. Todo o que el desfai, madeiras que quita, tellado..., todo está na parte de atrás".
Francisco Clavería é propietario de dúas vivendas no edificio que acabara de arranxar para poñelas en alugueiro.
"Chove coma fóra, caeu todo. Estamos que se está derrubando o edificio e ninguén nos axuda. Ben vedes vós como está todo e non hai maneira de parar isto. Meteu a auga polos pisos, por encima de nós vive el e vive un irmán, non sei como vivirá ese home aí. Mira como está o noso, imaxina arriba".
A humidade e a auga entraron de tal xeito que a algún veciño literalmente choveulle na cama.
"Pois mira, aquí nesta parede chóvelle e está cheo de humidade, aquí é onde lle cae a auga. Este señor estaba durmindo aquí e dixémoslle que cambiara de habitación porque así non pode estar este home aquí", conta outro dos inquilinos.
Os cascallos acumulados no patio traseiro impídelles acceder a caldeira para poder poñer en marcha a calefacción. O faiado está cheo de refugallos e temen que en calquera momento poida vir abaixo.
Puxeron xa varias denuncias pero a xustiza non lles deu a razón. Din que precisan que a obra se paralice canto antes. Dende o Concello din entender a preocupación dos veciños e que tamén eles queren parar os traballos. Aseguran que dous avogados preparan informes para o consistorio que dean fe da gravidade da situación.