Protestas contra as restricións e as vacinas en varias cidades europeas
En Bruxelas volveron rematar con disturbios
As restricións volveron suscitar protestas en distintas cidades europeas. A desenvolvida este domingo en Bruxelas reuniu, segundo a Policía, 3.500 persoas e, segundo os organizadores, máis de 50.000.
Os manifestantes rexeitaron o certificado de vacinación que esixe Bélxica para acceder á hostalería e aos eventos culturais e que os sanitarios e outros colectivos, como o de bombeiros, estean obrigados a vacinarse para poder traballar.
A radiotelevisión pública informou de que a protesta deixou trece detidos logo de que un grupo de participantes se enfrontara á Policía, que respondeu con gases lacrimóxenos.
En Italia, uns corenta sanitarios asaltaron a asemblea do Colexio de Médicos de Roma contra a suspensión dos colegas que non se vacinan. Interviñeron as forzas da orde e houbo momentos de tensión.
Onte tamén houbo protestas en Inglatera, Francia ou Alemaña.