Recollen dúas toneladas de lixo na contorna do Areoso, na ría da Arousa
Sobre todo cordeis, aparellos vellos e varios trasmallos de 12 metros. Tamén se liberaron centolas atrapadas
Máis de tres horas durou a limpeza de fondos na contorna do illote Areoso no medio da ría de Arousa. Nos labores de limpeza recolléronse dúas toneladas de lixo; apareceron cordas, vellas artes de pesca entre elas varios trasmallos dunha ducia de metros e tamén se liberaron varias centolas atrapadas nos aparellos en desuso.
Sesenta e dúas persoas e vinte e un barcos participaron nesta limpeza no marco do programa Plancton da Afundación. Contaron co apoio da confraría e dos seus gardas rurais e o concello da Illa e do Club Subacuático Pérez Sub, ademais de Protección Civil de Vilanova da Arousa.
O positivo da xornada é que a maioría do lixo proviña da actividade pesqueira e o negativo foi constatar que no illote queda moito lixo por recoller e que será precisa unha limpeza a pé in situ.