Repartimento dos máis de 8.000 quilos de alimentos recollidos na Operación Quilo en Ourense
As Cáritas parroquiais, xunto a outras tres entidades sociais, encargaranse de achegar a axuda ás familias máis necesitadas
Hai 38 anos que a Asociación Xuvenil Amencer organiza a Operación Quilo en Ourense. Unha campaña solidaria que busca axudar os que máis o precisan nestas datas. Dende mediados de novembro recolleron alimentos, xoguetes, roupa e diñeiro que destinaron a mercar produtos de primeira necesidade. Máis de 300 mozos e preto dun milleiro de adultos colaboraron a través de diferentes iniciativas. Desta volta recolleron 8.159 quilos de comida, 4.200 de xoguetes, 6.200 de roupa e 9.809 euros en efectivo.
Reponsables de Cáritas en 16 parroquias da cidade achegáronse durante a mañá deste sábado a sede da asociación para facerse cargo das achegas que distribuirán en lotes e repartirán entre 920 familias coas que traballan xunto a outras tres entidades sociais.