Repuntan os casos de gripe A, que afectan sobre todo as persoas maiores
O Sergas advirte unha diminución das consultas por gripe B, especialmente entre os maiores de catro anos
A directora xeral de Saúde Pública cre que as elevadas cifras de vacinación entre os maiores poden facer de "barreira de contención" para frear os casos de gripe

Os últimos datos do informe de actividade das infeccións respiratorias agudas en Galicia revelan unha diminución dos casos de gripe B, que afecta maioritariamente aos máis novos, e un repunte nos de gripe A, que prexudica principalmente as persoas maiores.
Indicouno esta mañá a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, que indicou que a intensidade da gripe continúa sendo baixa e que se mantén unha tendencia estable. Con todo, aconsellou "ter un pouco de cautela nas próximas dúas semanas".
Baixan as consultas entre a mocidade
A preguntas dos xornalistas tras a presentación xunto ao conselleiro Antonio Gómez Caamaño do novo proxecto de investigación do cribado de cancro de mama, Durán precisou que o número de consultas nos nenos de ata 4 anos non diminuíu, como si ocorreu no resto de grupos de idade.
"O que está a diminuír dunha maneira substancial é a gripe B, que é a que adoita afectar á xente máis nova, e remontando a gripe A, que prexudica fundamentalmente os maiores. Estamos a esperar a ver como evoluciona a curva da gripe A e como evoluciona o número de consultas dos nenos para poder facer unha predición máis fina", indicou.
A vacinación, a "barreira de contención contra o virus"
En canto á actividade das infeccións respiratorias agudas, a directora xeral expuxo que en Galicia "levamos con intensidade baixa desde que comezamos", cunha tendencia "de estabilidade".
Neste sentido, destacou que as elevadas cifras de persoas que xa están vacinadas -o 80 % das persoas do grupo de 80 anos, o 65 % dos maiores de 65 e outro 65 % dos menores de 5 anos- "xogan ao noso favor".
Segundo explicou Carmen Durán, estas importantes cifras de vacinación "poden facer de barreira de contención" contra o virus da gripe.
A directora xeral de Saúde Pública lembrou que ata o 31 de xaneiro está aberta a campaña de vacinación contra a gripe, "e non imos relaxarnos".