Rescatan dous corzos que se botaran ao mar no porto de Rianxo
Axentes ambientais devolveron os animais ao monte
Veciños de Rianxo e efectivos de Protección Civil realizaron este luns un peculiar e complicado rescate marítimo no porto de Rianxo.
Tiveron que recuperar e devolver a terra firme dous corzos que se botaran ao mar. Un deles quedou atrapado entre as rochas do peirao. O outro sacárono da auga. Nas tarefas tamén colaborou a Policía Local.
Os corzos nadan ben e non é estraño velos atravesando ríos ou incluso no mar. Os especialistas piden que nestes casos a xente os deixe tranquilos porque eles mesmos buscarán a saída axeita. Pero estes tiveron problemas na travesia e houbo que axudalos.
Unha vez rescatados, axentes de Medio Rural e voluntarios de Protección Civil ceibáronos no monte. Xa están sans e salvos no seu hábitat.