Sanidade pide usar máscara en todos os centros sanitarios durante 15 días
Ata agora só había que levala en urxencias e nas unidades con pacientes inmunodeprimidos
A medida entrou en vigor ás 15:00 deste venres e esténdese durante 15 días
Desde hoxe ás tres da tarde, haberá que volver usar a máscara para acceder aos centros sanitarios, tanto de Atención Primaria como aos hospitais. A medida durará un mínimo de 15 días, ata que se volva revisar a situación da epidemia de gripe A, que mantén a hoxe máis de 650 pacientes ingresados nos hospitais galegos.
A medida anunciábaa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. A máscara, que había que usar xa en Urxencias e nas unidades con pacientes inmunodeprimidos, para a ser unha recomendación firme e xeral para todas as áreas dos centros sanitarios.
"A recomendación é para todos os centros sanitarios a partir de hoxe ás tres da tarde, e estará convenientemente indicada na entrada destes centros. Manterémola polo menos quince días, en función da situación epidemiolóxica", anunciaba Comesaña.
A gripe A é agora mesmo o virus respiratorio con máis impacto tanto na poboación como nos servizos de saúde. Mentres, a Covid sitúase en terceiro lugar, mesmo tras o virus sincitial. Entre os tres suman 975 persoas ingresadas en Galicia. Das que están na UCI (27 por gripe) volven acaparar unha porcentaxe importante os pacientes non vacinados.
O conselleiro lembrou que a campaña de vacinación se estende ata o 12 de xaneiro, en centros da saúde (contra a gripe) e hospitais (gripe e covid) e con cita previa.
A directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán, informou de que o pico se estea a producir ou será inminente, e engadou que a incidencia será sostida dúas ou tres semanas máis. Ante esta situación o Sergas activou os plans de continxencia para sumar máis de 80 camas en total, mentres a gripe ralentiza por momentos a atención dos pacientes menos graves nas urxencias.
"Os pacientes máis leves teñen que esperar máis tempo e ao mellor esperan máis do habitual noutra época do ano. Queremos insistir no noso agradecemento aos profesionais dos servizos de urxencias, tanto de atención primaria como hospitalaria, polo esforzo destes días. E á cidadanía, por suposto, debemos pedirlle comprensión porque evidentemente temos que atender antes aos máis graves", explicou o conselleiro de Sanidade.