Santiago celebra o Día do Traxe Galego na zona vella con baile e música tradicional
As mellores indumentarias recibiron un diploma na praza da Quintana, que se converteu nunha pasarela de luxo
Santiago celebrou este domingo o día do Traxe Galego no marco das festas do Apóstolo.
Desde media mañá os participantes desfilaron ao son das gaitas polo casco vello ataviados coas mellores prendas de gala e tamén de diario.
As prazas de Praterías e Cervantes convertéronse en campos de festa ao paso dos traxados. Bailaron o agarrado antes de ir á misa da unha en San Paio e á saída foron recibidos pola alcaldesa, vestida tamén para a ocasión.
Xa pola tarde, a praza da Quintana converteuse nunha pasarela de moda tradicional, coa entrega de diplomas aos mellores traxes individuais e en grupo e dúas categorías, a de traxe antigo e a de moderno.
