Os coches volven circular pola N-642 entre Cangas de Foz e Burela
O Ministerio de Transportes busca unha solución definitiva á focha que provocou o corte da estrada
Retómase tamén a circulación ferroviaria interrompida neste punto por perigo de desprendemento
Ethel Vázquez: "Pedimos un plan de conservación anual das estradas nacionais"
Solución provisional para abrir o treito da N-642, dende Cangas de Foz ata a ligazón do hospital da costa en Burela, entre os puntos quilométricos 41 a 47. Os vehículos xa poden circular neste punto a través dun único carril regulado por semáforos.
Unha focha de grandes dimensións, que saíu á luz tras as últimas choivas, obrigou a pechar este tramo, por motivos de seguridade, dende a madrugada do sábado.
Denden entón, desviárase o tráfico por unha vía alternativa que obrigaba a percorrer 70 quilómetros adicionais pola LU-162, a LU-161 e a LU-540.

Polo momento, pode utilizarse o carril habilitado coa sinalización semafórica. Porén, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, reclámalle ao Ministerio de Transportes unha solución definitiva ao problema canto antes porque, segundo lembra, esta estrada é a vía principal de comunicación da comarca.
Ao mesmo tempo, as obras de evacuación da auga embalsada continúan para dar paso a unha obra de emerxencia que permita unha circulación segura e fluída.

Tamén se retomou a circulación ferroviaria entre Burela e Ribadeo, interrompida dende o sábado por perigo de desprendemento. Durante o corte, estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada.
