Sete anos de prisión para dous homes por unha agresión sexual en Vigo
Tamén se lles impuxo a prohibición de achegarse á vítima, comunicarse con ela e liberdade vixiada tras a pena de prisión

Dous homes foron condenados a sete anos de prisión por agredir sexualmente unha moza en Vigo en decembro de 2021, oito menos dos que solicitaba a Fiscalía.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, considerou a Hasen C. e Mousa N. autores, cada un deles, dun delito de agresión sexual sen concorrencia de circunstacias modificativas da responsabilidade criminal.
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia impúxolles tamén a prohibición de achegarse a menos de 200 metros da vítima, así como tamén a comunicarse directa ou indirectamente con ela por calquera medio polo prazo de 12 anos. Tamén se lles impuxo a medida de liberdade vixiada por tempo de 6 anos a executar con posterioridade ao cumprimento da pena de prisión imposta.
O tribunal considerou que a declaración da muller foi conforme aos principios establecidos sobre coherencia e credibilidade, tendo o alcance suficiente para desvirtuar o principio de presunción de inocencia, xa que superou os filtros de coherencia interna e corroboracións periféricas, e persistiu na incriminación.
Os maxistrados entenden que non puido ser acreditado que as facultades mentais da moza se atopasen no momento dos feitos limitadas polo alcol e drogas consumidas nas horas previas.
Aos dous homes, de 33 e 19 anos, condenáronos tamén a aboar os custos e a indemnizar conxunta e solidariamente a vítima na cantidade de 6.112 euros, cantidade para a que se tivo en conta a "inexistencia de secuelas de ningún tipo, físicas ou morais".
A sentenza, na que cabe recurso de apelación, considera probado que na madrugada do 8 de decembro de 2021, a moza, que naceu en 2003, estableceu conversación cuns mozos, entre os que se atopaban os acusados, tanto antes como despois de estar nunha discoteca. A vítima decidiu ir fumar e beber ao domicilio de ambos, que lle aseguraron que estaba preto, aínda que non era verdade.
Na vivenda, compartida polos dous homes, un deles levou a moza ao seu cuarto e, coa fin de satisfacer os seus deseos libidinosos, comezou a bicar e a sobar a muller. Ela amosou unha clara oposición, tentando apartalo, pero non o conseguiu e berrou suplicando que a deixase, que non a tocase, que tiña mozo, pero el consumou a violación.
Cando rematou, o outro condenado entrou no mesmo cuarto e tamén a agrediu sexualmente mentres a inmobilizaba e ella lle dicía que parase.
A moza, unha vez estivo soa, vestiuse e dixo a un dos homes que quería marchar á súa casa en taxi e el acompañouna ata a parada, onde ela pediu ao taxista que a sacase de alí a e a levase á súa casa.
Como consecuencia dos feitos, sufriu un cadro de ansiedade e baixo estado de ánimo, con dificultades para concentrarse, que requiriu asistencia médica e 30 días de curación sen incapacidade, pero non se obxectivaron secuelas.