Solifesti, un festival solidario para axudar a Leo que padece unha enfermidade rara
Leo é un bebé de Meis que precisa un transplante de pulmón que só se pode realizar no hospital Vall d'Hebron, en Barcelona
Música e moitas actividades para todos os que se acheguen esta tarde á praza de España
Solidariedade, un festival e unha enfermidade rara que padece un bebé de Meis, Leo. Para conseguilo, esta tarde celébrase o Solifesti, en que os alumnos do colexio Mosteiro-Meis teñen un papel fundamental. Esta mañá estaban co último ensaio antes de actuar esta tarde no Solifesti. Un festival solidario para axudar a Leo. Un bebé de Meis que precisa dun transplante de pulmón que só se pode realizar no hospital Val d'Hebrón en Barcelona.
"Leo naceu cunha mutación xenética que lle produce un déficit de proteína B de sulfactante que impide que os seus pulmóns poidan respirar con normalidade", explica sobre a enfermidade Nuria Diz, tía de Leo.
Xa son dous transplantes frustrados e teñen a esperanza posta na terceira intervención. A estancia en Cataluña supón uns gastos que o Sergas non pode asumir por estar noutra comunidade. E aquí entra en acción o Solifesti promovido polo colexio de Mosteiro- Meis. Indica o seu director, Luís Camilo Fernández, que "as causas solidarias están centradas no noso concello para a xente que precisa axuda. No anterior festival foi para recadar fondos ao arderlle a casa a un neno do colexio, e este ano para Leo".
"Os nenos do colexio están ilusionados e moi involucrados coa causa, pero claro hoxe é o seu momento e van actuar diante dos seus pais, dos avós... e están nerviosos", di Raúl Cabaleiro, mestre do colexio e responsable da organización do festival.
No Solifesti, colaboran tamén a Asociación Cultural A Baralla, o Concello de Meis e a Anpa A Capela. Celebrarase no campo da feira onde esta mañá traballaban arreo para dar comezo esta tarde a partir das cinco e media unha xornada de música e na que todos poden colaborar.
"Pulseiras, camisetas, donativos que poñemos hoxe petos e tamén hai un número de conta que está na páxina web da Baralla, a asociación que está detrás de todo isto realmente", puntualiza Sonia Otero, presidenta da ANPA a Capela.
Organizadores e familia de Leo están sorprendidos coa gran acollida que está a ter esta iniciativa. "A verdade é que non esperabamos tanta axuda. Están a ser días moi emotivos e agardo que a eles que están en Barcelona lles chegue toda a nosa forza, toda a forza da xente", di emocionada Nuria Diz.
Todo sexa por axudar a Ana e Toño, os pais de Leo, e a Leo, porque sempre, sempre sae o sol, ao igual que di o lema do Solifesti.