O Goberno aproba un decreto prohibindo os desafiuzamentos ata 2030 e outro coa prórroga automática dos alugueiros
O Goberno aproba un decreto prohibindo os desafiuzamentos ata 2030 e outro coa prórroga automática dos alugueiros
O Executivo pídelle ao Congreso a convocatoria dun pleno extraordinario este venres para a validación inmediata dos decretos
PSOE e Sumar optaron por esta fórmula para garantir que as medidas máis urxentes sexan aprobadas
Arquivo/C. Ortiz/Europa Press
O Consello de Ministros aprobou dous decretos con medidas urxentes en materia de vivenda que buscan "defender os intereses e os dereitos da cidadanía".
O primeiro contempla, entre outras cousas, a prohibición dos desafiuzamentos ata 2030; o segundo, a renovación automática dos alugueiros. Cuestións reclamadas por Sumar, que apuraron a negociación ata última hora para conseguir que estas demandas aclamadas na rúa pola cidadanía se puxeran finalmente sobre o papel.
O Goberno considera urxente sacar adiante estas medidas e por iso solicitou ao Congreso que convoque para ese mesmo venres un pleno extraordinario para que sexan validados pola Cámara baixa.
O contido dos decretos
O primeiro dos decretos inclúe a prohibición dos desafiuzamentos ata 2030, a regulación dos alugueiros de temporada, a prohibición da compra especultativa de vivenda aos fondos voitre ata 2028 e a prórroga de dous anos dos contratos en vigor que finalizan antes do 31 de decembro.
Medidas, todas elas, solicitadas polo Sindicato de Inquilinas e que fixo súas o grupo Sumar, que meteu presión ata última hora para que fosen incluídas no texto.
O segundo dos decretos consensuado entre os socios inclúe a renovación automática dos alugueiros. O Goberno optou por esta fórmula para conseguir que as medidas máis urxentes sexan aprobadas canto antes ante as reticencias amosadas por algúns grupos parlamentarios.
Fontes do Executivo sinalan que solicitaron xa ao Congreso a convocatoria este venres dun pleno extraordinario para a validación inmedidada de senllos decretos.
Unha negociación contra o reloxo
Foron necesarias varias horas de negociación para conseguir pechar os termos destes decretos que este martes aprobará o Consello de Ministros. De feito a reunión do Goberno comezou cunha hora de atraso debido as conversas de última hora entre os socios.
Sumar esixía que o decreto incluíra a regulación do alugueiro de cuartos e a prórroga automática de contratos, o principal punto de fricción entre os socios e así o recolleron no último borrador entregado ao PSOE.
Finalmente os socios optaron por unha fórmula que se barallara durante as negociacións: a distribución das medidas en dous decretos, xa que son conscientes que hai aspectos en que será máis difícil conseguir o acordo con outros grupos parlamentarios.
Os dous decretos foron aprobados este martes polo Consello de Ministros e irán ao Congreso este venres para a súa validación.