'The New York Times' inclúe as illas Cíes na súa exclusiva selección de destinos turísticos
Só recomenda dous destinos españois: as Cíes e O Hierro
Este ano salientan lugares en que se fai un cambio de verdade no mundo actual
Os primeiros postos son para a cidade italiana de Chioggia, o Parque Nacional de Chimanimani en Mozambique, e o barrio de Queens, en Nova York
As illas Cíes aparecen na que para milleiros de viaxeiros é a Biblia do turismo. É a listaxe coa que arranca cada ano The New York Times, que reúne os seus destinos turísticos recomendados. Esta edición elixiron 52 lugares que inclúen dous españois: as illas Cíes e O Hierro.
Este ano, The New York Times seleccionou destinos que están transformando o mundo a mellor, nos que se está producindo un cambio de verdade, ben porque preservan especies ou lugares en perigo de extinción, polo seu encanto e diversidade ou porque se reparan danos históricos. No caso das Cíes, salientan ademais os estritos esforzos de conservación que inclúen restricións contra os automóbiles, hoteis e ruído.
Segundo Rodrigo Lagoa, da axencia de viaxes Travel Makers, "Os últimos anos foron cobrando relevancia eses destinos que nos dan un pouquiño máis de liberdade, en que non hai masificacións e temos experiencias máis auténticas".
Nos primeiros postos da clasificación están lugares tan dispares como a cidade italiana de Chioggia como alternativa á masificada Venecia, o Parque Nacional de Chimanimani en Mozambique ou o barrio de Queens en Nova York.