Seis persoas morreron en Europa polos efectos de Ciarán

Francia, España e Bélxica son os países máis afectados pola forte choiva e os refachos de aire

Agárdase que Ciarán chegue a Italia este venres

Destrozos do ciclón Ciarán en Francia (FrancePress) Destrozos do ciclón Ciarán en Francia (FrancePress)
G24.gal 02/11/2023 16:08 Última actualización 02/11/2023 20:48

A borrasca Ciarán, un ciclón extratropical dos máis potentes dos últimos tempos, está a provocar fortes ventos e choivas a Canle da Mancha, España e Bélxica. Son seis as persoas que morreron por causa do ciclón, unha en Madrid, dúas en Francia e Béxica, e unha unha nos Países Baixos, ademais de estar a provocar caos no transporte e o peche dalgunhas escolas. A última vítima foi unha muller en Madrid esta mañá, que faleceu ao caerlle enriba unha árbore mentres se atopaba no seu vehículo.

Os efectos que está a provocar son os peores dunha borrasca, que se viu fortalecida debido a unha cicloxénese explosiva, fenómeno que se da cando un sistema de baixas presións se intensifica de forma extraordinariamente rápida. O ciclón Ciarán chegou dende o Atlántico e este xoves está a causar graves estragos en Francia, España e Bélxica.

Francia é un dos países máis afectados, con refachos de vento de furacán de categoría 3, o que provocou a morte de dúas persoas, dezaseis feridas e arredor de 700.000 fogares sen electricidade. Nas costas de Bretaña rexistráronse ventos de ata 207 quilómetros por hora. Dous aeroportos desa zona permanecen pechados dende onte e noutros do noroeste de Francia tivéronse que desviar algúns avións.

Toda España está en alerta, agás as Illas Canarias, por choiva, refachos de vente de ata 110 quilómetros por hora e temporal marítimo, con maior incidencia en Galicia, onde hai aviso vermello por ondas de 9 metros no noroeste da comunidade. En Madrid faleceu unha muller ao derrubarse unha árbore cando se atopaba no seu vehículo.

Inglaterra tamén tivo que suspender os servizos ferroviarios e no condado de Cornualles hai 7.000 fogares se luz debido á choiva e ao forte vento. Tamén hai risco de vida en Escocia, onde se agarda que os ventos cheguen a partir de mañá.

En Bélxica e Países Baixos está activada a alerta laranxa nas zonas de costa e no aeroporto de Schipol, en Ámsterdam, onde se cancelaron os voos previstos para esta tarde. Tamén o aeroporto de Róterdam cancelou algúns dos seus traxectos. Dúas persoas faleceron en Gante e unha en Países Baixos, ademais de haber numerosos feridos graves debido ás consecuencias que está a ter o ciclón

Agárdase que Ciarán chegue a Italia nas próximas horas, onde o mal tempo xa afecta ao norte do país e obrigou a varias localidades a decretar o peche dos centros educativos e espazos públicos por risco de fortes choivas e tormentas eléctricas previstas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade