Un albergue en San Xoán de Río é o novo fogar para 19 refuxiados ucraínos
O club de fútbol Center Academy de Ourense envía un autobús cheo de axuda e volverá con 42 ucraínos
Os refuxiados repartiranse por varios concellos da provincia ourensá
O albergue Os Biocos é dende hoxe o novo fogar para 19 dos 38 refuxiados ucraínos que chegaron á Pobra de Trives. Estiveron aloxados durante estes días nun hotel, tempo que aproveitaron para arranxar en Ourense toda a nova documentación na Policía Nacional.
Mentres, os veciños de San Xoán de Río traballaron sen descanso para reacondicionar un albergue que tiña as instalacións bastante deterioradas. Estiveron pintando, limpando e amoblando para facerlles máis grata a estancia. Os outros 19 ucraínos instalaranse no centro comarcal de Trives, unha vez que rematen de arranxalo.
Son os primeiros ucraínos que se instalan no albergue onde durante días traballaron para deixar a punto camas, cociña, roupa, alimentos e unha sala de xogos e estudo para os pequenos. O Concello puxo wifi para que poidan contactar coas súas familias e arranxou os papeis de todos eles. Agora pretende facerlles a estancia o máis doada posible.
"Onte conseguimos regularizar a situación de todo o mundo, e agora depende de todos nós integralos. Mentres dure a guerra, que estean aquí, coidados e a gusto, que remate o antes posible e que poidan decidir eles libremente o seu futuro", dixo José Miguel Pérez, acalde de San Xoán de Río.
Mentres, saía de Ourense cara á fronteira polaca un autobús do club de fútbol Cented Academy cheo de comida, roupa e material sanitario. Volverá con 42 ucraínos
"Levamos moito tempo traballando con diferentes concellos para garantir que para que cando cheguen estas persoas, darlles tranquilidade e ter nós tamén a tranquilidade de que van estar ben atendidos", explicou Manu Cerón, presidente deste club de fútbol.
Os refuxiados vanse instalar en casas particulares e no convento de San Francisco de Ribadavia.