Un veciño de Boiro urxe reparacións na rúa para poder saír coa cadeira de rodas
Denuncia que as fochas na rúa O Brañón, en Escarabote, o manteñen practicamente confinado na casa
Cando Francisco chegou ao barrio de Escarabote hai 60 anos, a rúa Brañón era un camiño de pés. Hoxe apenas colle un coche por ela, pero está pavimentada e o acceso mellorou. Con todo, vai precisando reparacións.
"Xa estivo peor, pero claro que está mal", di Francisco Hermo. "Hai fochas, está roto o chan", explica. E dende que usa cadeira de rodas, eses rotos condiciónanlle a vida. Hai oito anos que case non sae da casa por medo a caer nunha focha, ou non dar saído porque lle patinen as rodas no burato.
O caso é que ten que saír obrigatoriamente tres tardes á semana. Recólleo unha ambulancia para ir a diálise e, como non dá manobrado polo estreito da rúa, Francisco ten que ir esperala ao pé da estrada. Para chegar ata alí, vai facendo a súa particular xincana entre as fochas da rúa O Brañón.
Conta que vai "pouco a pouco" tentando sortear as fochancas, pero que non dá feito: "Saio dunha e métome noutra", afirma. E a situación complícase máis aínda a partir do outono, cando chove e baixan as horas de luz.
O Concello de Boiro xa ten aprobadas as reparacións do firme. En Urbanismo explican que o proxecto de mellora para a rúa é máis ambicioso: queren comprar unha parcela en desuso para poder ampliar a calzada e abrir novos accesos. De momento non hai acordo cos propietarios dese terreo, pero a negociación segue aberta.